Monday 29 de April de 2024

Nenas e nenos de San Sadurniño “debullan cores” decorando o acceso ao local social de Lamas


A Concellaría de Cultura de San Sadurniño pechou hai uns días a primeira quenda do obradoiro de arte urbana infantil “Debullando cores”, no que se lles propuxo a un grupo de nenas e nenos de entre 7 e 12 anos decorar o entorno do local social de Lamas.

Con axuda da artista gráfica Paula Aneiros, a cativería deseñou, pintou e axudou a colocar no lugar previamente elixido un conxunto de letras corpóreas que forman a palabra “Lamas”, acompañadas de notas e instrumentos musicais que identifican o recinto como un espazo cultural.

Trala súa estadía en Lamas, o programa marchará a Naraío na semana do 23 ao 27 de agosto. Alí as nenas e nenos participantes terán como lenzo o peche do campo de fútbol da Veiga. A actividade desenvolverase en dous grupos de 8 compoñentes, un de 10.30 a 11.30h e outro de 11.30 a 12.30h.

A rapazada de entre 7 e 12 anos que queira participar pode anotarse até este venres no 616 332 919, aínda que nas inscricións se lle dará prioridade ás familias da parroquia, cubrindo o resto de vacantes con solicitudes para nenos e nenas doutros puntos do municipio.

“Debullando cores” é un programa de lecer cultural que promove a creatividade infantil en espazos públicos de San Sadurniño. A primeira edición desenvolveuse o ano pasado decorando os locais sociais de Santa Mariña e Igrexafeita.